Páxinas

30 outubro 2023

Diverxentes: charla sobre Altas Capacidades

Diverxentes é unha asociación sen ánimo de lucro, para o apoio a familias con fillas e fillos con altas capacidades intelectuais.

O Conccello de Marín manifiesta o seu apoio a esta entidade, cedéndolle as instalacións da Finca de Briz unha vez cada mes para realizar reunións de familias.

Estes encontros están abertos a calquera familia con dúbidas sobre altas capacidades.

Recalcan as dificultades coas que se atopan as familias, xa que "o sistema educativo está deseñado para un modelo de alumnado promedio cunha forma de aprendizaxe concreta e os nenos e nenas con altas capacidades aprenden doutra maneira e a un ritmo diferente, polo que precisan dun cambio de metodoloxía". Por iso, en moitas ocasións acaban producíndose situacións de fracaso escolar, falta de atención e acoso escolar.

Para intentar visibilizar esta realidade e procurar melloras nas necesidades educativas dos seus fillos e fillas, así como unha maior compresión social, un grupo de familias fundou hai un ano en Marín a asociación, que conta con 20 familias adheridas e dá cobertura a toda a provincia.

Para aquelas persoas interesadas, o vindeiro 4 de novembro celebrarán unha charla-coloquio titulada "Familia, escola e altas capacidades" na Biblioteca Pública Vidal Pazos de Marín, de 11.00 a 13.00 horas, a cargo de Betina Represas, especialista en altas capacidades e membro do equipo de Orientación Específico (EOE) de Pontevedra. A asistencia é libre e non é necesario facer inscrición previa.

27 outubro 2023

Samaín e os medos

Está a piques de chegar o Samaín e con el é doado que apareza unha emociónMEDO.

As emocións non debemos ignoralas nin menosprecialas, senón nomealas e aprender a xestionalas. Elsa Punset achega unha serie de orientacións e estratexias para aprender a xestionar o medo coas fillas e cos fillos, presentes no seu libro infantil “Los atrevidos dan el gran salto”. Estas son:              

  1. Non negar nin evitar o medo (Isto é, evitar frases como Non teñas medo, Non chores que non hai nada debaixo da túa cama, Os nenos maiores non teñen medo...). En ocasións, a negación das emocións son detonantes de rabietas ou enfados de cando unha persoa non se sinte escoitada.
  2. Acompañar o seu medo. Moitas veces non poderemos evitar que pasen medo, pero escoitalos activamente, que sintan a nosa compaña e dicirlles que non están sos, apórtalles máis seguridade.
  3. Evitar as burlas, bromear e minimizar os medos ou fobias.
  4. Se a súa madurez o permite, explicarlle o significado fisiolóxico do medo: o noso cerebro está preparado para sobrevivir e o medo é a emoción máis útil para isto. Axúdanos a detectar ameazas e fuxir o máis rápido posible.
  5. Adaptar as malas noticias que saen nos medios de comunicación á súa idade ou nivel de madurez, dado que tenden a magnificar todo aquilo que non poden comprender.

Algunhas das estratexias de xestión do medo e relaxación fisiolóxica recomendadas por Elsa Punset son:

Relaxación física. Cóntanos varias técnicas para axudar a relaxarse ante o medo, como:

Técnica de aperto e solto. Con música suave e luz tenue pedímoslle que aperte forte algunha parte do seu corpo, contamos 3 e deberá soltar.

Técnica de estiro e relaxo. Consiste no mesmo que o anterior pero en lugar de apertar, debe estirar as partes do corpo.

Respiración consciente: Consiste en ensinarlle a respirar profundamente e amodo varias veces, enchendo os pulmóns e o abdome de aire. Mentres inspira, que conte mentalmente un, dous e tres e que exhale aínda máis despacio contando un, dous, tres, catro, cinco, seis

Respiración de diafragma: Debe poñer unha man sobre o estómago, xusto debaixo das costelas e respirar coma se quixese empuxar a man cara a fóra. Así a respiración chega ata o diafragma e pode ir relaxándose.

Visualización: Consiste en tentar «ver» na túa mente unha imaxe que che faga sentir ben. Por exemplo, se á nena ou ao neno lle gusta columpiarse, debemos dicirlle que se imaxine que está nas randeeiras. Tamén podemos pedirlle que pense nalgunha escena ou sitio que asocie a un lugar tranquilo (a casa dos avós, unha praia coñecida, etc.).

Mensaxes tranquilizadoras: Recomenda Elsa ensinarlles a repetirse mensaxes tranquilizadoras,  como «Eu podo», «Vou estar ben», «Xa se me vai pasar»…

Test «verdadeiro/falso». Consiste en que as nenas e os nenos se enfronten aos seus medos máis irracionais racionalizándoos. Por exemplo: Pode esta arañiña comerme de verdade? 



25 outubro 2023

Xornada de Portas Abertas da Fundación Secretariado Gitano

 

 

A Fundación Secretariado Gitano conmemorou no día de hoxe a súa xornada de portas abertas. 

Pinchando na imaxe podedes acceder á información desta xornada que retomou a fundación despois duns anos sen poder levala a cabo.

20 outubro 2023

A alimentación de nenas e nenos

 


O coidado da alimentación dos nosos nenos e nenas é responsabilidade dos adultos que lle ofrecen alimentos. 🍇🍎🍌🍅🍉

Para que a súa alimentación lles permita acadar unha boa saúde, non só física, senón tamén mental, é preciso informarse das necesidades e características da nutrición nesta etapa da vida que é a infancia. Dende a escola traballamos neste sentido ofrecéndolles información sobre hábitos alimenticios saludables para a prevención e o tratamento de enfermidades como, por exemplo, a obesidade. No entorno da familia é fundamental a colaboración e a implicación para a mellora dos hábitos alimenticios.

Se precisas máis información para mellorar a alimentación, accede, pinchando na imaxe, ao libro O ABC do consello alimentario na infancia.

19 outubro 2023

Que temas vos interesan para a Escola de Familias?

 

 

Que temas interesa desenvolver este curso na Escola de Familias? 👫👪👭👬

Co fin de coñecer as temáticas do voso interese, enviouse un formulario a través de Abalar, no que debedes elixir os tres temas que prefire cada familia. Seleccionaranse os temas con maior número de eleccións para desenvolver na Escola de Familias entre os seguintes:

- Como axudar ás fillas e aos fillos a evitar os riscos de Internet.

- A prevención das adiccións sen substancias (videoxogos). 

- A comunicación efectiva na familia. 

- A saúde física e mental na familia.

- O establecemento de normas e límites (disciplina positiva).

- Outras temáticas do voso interese.

11 outubro 2023

Día da nena

 


Atopa máis información sobre a conmemoración desta data na web da ONU.


(Imaxe do C. de Carballo)

10 outubro 2023

10 de outubro, día da Saúde mental.

Hoxe, 10 de outubro, é o Día da Saúde Mental

Neste curso, no que o PDI (Proxecto Documental Integrado) do colexio está centrado no coidado físico e no coidado da nosa saúde mental, esta data é relevante para toda a comunidade educativa. 

Compartimos con vós unha charla de Rafael Bisquerra, psicólogo e pedagogo, sobre a importancia da xestión das emocións para o coidado do noso benestar mental.


Finalmente, dende aquí podedes achegarvos á web da Fundación SALMA que ten como finalidade impulsar a mellora da saúde mental na nosa comunidade autónoma.


07 outubro 2023

Benvida!

Este é o blog do Departamento de Orientación do CEIP Plurilingüe do Carballal, un espazo onde se recollerán recursos de interese para as familias e o profesorado do centro sobre orientación, diversidade e inclusión educativa, co propósito de promover a inclusión real do noso alumnado na sociedade. 

Agardamos que este blog resulte do voso interese e sirva de guía como un faro no medio da ría.

Faro de ARASAAC. 


TDAH: unha realidade

  O TDAH é unha realidade , un trastorno que afecta ao 8,8 % da poboación mundial, dato confirmado pola OMS. No Informe Anual do Sistema Nac...