Está a piques de chegar o Samaín e con el é doado que apareza unha emoción: MEDO.
As emocións non debemos ignoralas nin menosprecialas, senón nomealas e aprender a xestionalas. Elsa Punset achega unha serie de orientacións e estratexias para aprender a xestionar o medo coas fillas e cos fillos, presentes no seu libro infantil “Los atrevidos dan el gran salto”. Estas son:
- Non negar nin evitar o medo (Isto é, evitar frases como Non teñas medo, Non chores que non hai nada debaixo da túa cama, Os nenos maiores non teñen medo...). En ocasións, a negación das emocións son detonantes de rabietas ou enfados de cando unha persoa non se sinte escoitada.
- Acompañar o seu medo. Moitas veces non poderemos evitar que pasen medo, pero escoitalos activamente, que sintan a nosa compaña e dicirlles que non están sos, apórtalles máis seguridade.
- Evitar as burlas, bromear e minimizar os medos ou fobias.
- Se a súa madurez o permite, explicarlle o significado fisiolóxico do medo: o noso cerebro está preparado para sobrevivir e o medo é a emoción máis útil para isto. Axúdanos a detectar ameazas e fuxir o máis rápido posible.
- Adaptar as malas noticias que saen nos medios de comunicación á súa idade ou nivel de madurez, dado que tenden a magnificar todo aquilo que non poden comprender.
Algunhas das estratexias de xestión do medo e relaxación fisiolóxica recomendadas por Elsa Punset son:
Relaxación física. Cóntanos varias técnicas para axudar a relaxarse ante o medo, como:
Técnica de aperto e solto. Con música suave e luz tenue pedímoslle que aperte forte algunha parte do seu corpo, contamos 3 e deberá soltar.
Técnica de estiro e relaxo. Consiste no mesmo que o anterior pero en lugar de apertar, debe estirar as partes do corpo.
Respiración consciente: Consiste en ensinarlle a respirar profundamente e amodo varias veces, enchendo os pulmóns e o abdome de aire. Mentres inspira, que conte mentalmente un, dous e tres e que exhale aínda máis despacio contando un, dous, tres, catro, cinco, seis…
Respiración de diafragma: Debe poñer unha man sobre o estómago, xusto debaixo das costelas e respirar coma se quixese empuxar a man cara a fóra. Así a respiración chega ata o diafragma e pode ir relaxándose.
Visualización: Consiste en tentar «ver» na túa mente unha imaxe que che faga sentir ben. Por exemplo, se á nena ou ao neno lle gusta columpiarse, debemos dicirlle que se imaxine que está nas randeeiras. Tamén podemos pedirlle que pense nalgunha escena ou sitio que asocie a un lugar tranquilo (a casa dos avós, unha praia coñecida, etc.).
Mensaxes tranquilizadoras: Recomenda Elsa ensinarlles a repetirse mensaxes tranquilizadoras, como «Eu podo», «Vou estar ben», «Xa se me vai pasar»…
Test «verdadeiro/falso». Consiste en que as nenas e os nenos se enfronten aos seus medos máis irracionais racionalizándoos. Por exemplo: Pode esta arañiña comerme de verdade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario